Friday 17 de May de 2024

Licitadas as obras para a finalización do novo Centro Social Multiusos de Carreira


O prezo de licitación ascende a 266.377,57 euros

O Concello de Riveira informa da licitación das obras necesarias para a finalización do Centro Social Multiusos de Carreira.

Así, segundo o anuncio publicado hoxe no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, os interesados dispoñen de 26 días naturais para a presentación de ofertas. O prezo de licitación é de 266.377,57 euros e o prazo de execución, catro meses.

Conforme ao proxecto técnico elaborado, o que se pretende é proceder ao remate do recinto levando a cabo os acabados, instalacións de telecomunicacións, acometidas e urbanización exterior.

Previamente, xa foron efectuadas a estrutura, pechamentos exteriores, cuberta e instalacións de fontanería, saneamento e electricidade segundo o proxecto técnico redactado polo arquitecto Ángel Cid. Cómpre lembrar que a infraestrutura foi iniciada polo obradoiro de emprego Vionta no 2013 e continuou no 2014 polo novo obradoiro Tahume, dando lugar nos anos seguintes a novas actuacións, a última das cales tivo lugar no pasado outono de 2016 coa execución da cuberta e impermeabilización cun investimento de 57.959 euros.

Unha vez remate esta obra, a instalación, de 268 metros cadrados útiles vai estar formada por dous volumes unidos, un dos cales consistirá nun local diáfano capaz de aloxar diferentes actividades da comunidade e o outro que dará cabida a unha cafetería e aos servizos comúns.